A diplomacia preventiva comprende tódalas medidas destinadas a evitar que as controversias existentes se transformen en conflitos e a evitar que estes, se ocorren, se estendan.
A prevención de conflitos nas Nacións Unidas
A prevención aborda as causas que orixinan o conflito desde unha perspectiva que integra os tres piares das Nacións Unidas: paz e seguridade, dereitos humanos e desenvolvemento inclusivo. En 2015, o Secretario Xeral de Nacións Unidas, Ba n Ki-moon, presentou un informe titulado «As Nacións Unidas e a prevención de conflitos: renovación do compromiso colectivo». Neste documento subliñaba a necesidade de evolucionar dunha tradicional cultura de reacción a unha imprescindible cultura de prevención. O seu sucesor, António Guterres, continuou o seu legado, convertendo a cultura de prevención nunha das principais prioridades do seu mandato.
España e a súa aposta pola diplomacia preventiva
España apoiou este compromiso, así como a necesidade de que a comunidade internacional afianzase o uso de ferramentas preventivas e, ademais, e que se tivese en conta a implicación doutros actores locais e se promovese o diálogo intercultural e interrelixioso.
A prevención de conflitos constitúe un eixe fundamental da política exterior española na actualidade. España considera indispensable o uso dunha diplomacia preventiva que integre o desenvolvemento sostible, a paz, a gobernanza, os dereitos humanos e o Estado de dereito. Subliñou a dimensión preventiva da responsabilidade de protexer no marco das Nacións Unidas e é membro do Grupo de Amigos da Mediación de Nacións Unidas. A diplomacia preventiva é unha parte integrante da Estratexia de Diplomacia Humanitaria de España adoptada en 2023.
A Alianza de Civilizacións como ferramenta de diálogo e paz
Neste sentido alíñase a Alianza de Civilizacións, iniciativa das Nacións Unidas patrocinada conxuntamente por España e Turquía, que ten como obxectivo fomentar o diálogo e a cooperación entre as diferentes comunidades, culturas e civilizacións. Mediante o diálogo intercultural, desenvolve unha serie de accións concretas destinadas á prevención dos conflitos, a mediación, a resolución de conflitos e a construción da paz.
A mediación para a paz no marco da Unión Europea
España preside xunto con Finlandia o Grupo de Amigos da Mediación da Unión Europea, onde desenvolve un labor de apoio á mediación para a paz da UE e ó labor que realizan os seus enviados especiais. En decembro de 2023, no marco da Presidencia española da UE, España organizou coa UE unha reunión en Madrid con mediadores internos en conflitos en África, América Latina e Asia.
Mulleres, paz e seguridade na diplomacia preventiva española
Entre as prioridades do noso país no ámbito da diplomacia preventiva, é importante salientar a posta en marcha de plans nacionais de acción sobre mulleres, paz e seguridade. Neles incluíuse como obxectivo a participación significativa das mulleres nos procesos de adopción de decisións en relación coa prevención, xestión e solución de conflitos. España, xunto outros países iberoamericanos, apoiou o establecemento dunha Rede Iberoamericana de Mulleres Mediadoras, creada nunha reunión celebrada en xuño de 2023 en Madrid, cos obxectivos de dar formación a mulleres e contribuír ó seu labor cun Comité de mulleres expertas.
A mocidade como axente de paz e resolución de conflitos
Os conflitos violentos teñen unha grande incidencia nos mozos. España apoia a inclusión dos mozos nas iniciativas de paz, podendo xogar un papel na resolución dos conflitos e na implementación dos acordos de paz.
Documentación relacionada